Iolanda Galanes-Santos
2025.10.23Abriu-Estudos de Textualidade do Brasil Galicia e Portugal
Abstract
A tradución literaria galega conta cunha historia secular, que se viu notablemente acrecentada a partir da cooficialidade do galego. Analizamos aquí a relación contemporánea entre o galego e o portugués a través dos fluxos literarios. Os obxectivos deste artigo son, dunha banda, analizar o papel da relación cos espazos lusófonos no marco do Sistema de tradución galega (STG) e, doutra, enmarcar esa relación no espazo literario internacional e transnacional (Sapiro 2024). Para elaborarmos a panorámica xeral do STG e a específica entre galego e portugués, pártese do Catálogo da tradución galega Bitraga. O contraste entre as panorámicas, elaboradas cos mesmos criterios (volume, direccionalidade, xéneros, espazos e públicos), revela as características específicas destes fluxos literarios no marco do STG. A proposta complétase cun estudo de caso centrado en varias figuras literarias representativas, publicadas en ambos os espazos, representantes destas culturas en ámbito internacional e transnacional. Nel debúllase como, onde e por que se introducen na outra cultura implicada. As conclusións achegan datos sobre a posición desa relación en ámbito galego, internacional e transnacional.
Citation format
GALANES-SANTOS, Iolanda. Relación entre galego e portugués no espazo literario internacional e transnacional a través da tradución. Abriu-Estudos de Textualidade do Brasil Galicia e Portugal, 2025.